Etiquetes
“Un bico na porta do hotel, outro en cada chanzo da escaleira, un abrazo apaixonado no ascensor, máis bicos polo corredor e, finalmente, no cuarto, espíronse mutuamente e fixeron o amor.
Esta vulgar sucesión de lances puido non ser máis que un encontro agradábel desde os puntos de vista sensitivo e emocional, entre dous mozos novos. Mais a natureza, que tiña outros designios, obrara de forma que, naquel preciso momento, na trompa de Falopio esquerda de Matilde se achase asentado un óvulo maduro recentemente conformado, e que fose localizado por un dos espermatozoides xerminados no túbulo seminífero do testículo dereito de Raimundo e exaculados no clímax do encontro, producíndose entre ambos os gametos unha unificación estructural tan profunda que provocaría a súa mutua disolución dentro dun todo máis complexo de orde netamente superior. Isto sucedeu cando eran xustamente as 23:19 horas.
Naturalmente, naqueles primeiros segundos da miña vida, eu, e este eu utilízoo con todas as reservas, non souben da miña existencia. Non era máis que un cigoto, isto é, unha célula diploide plasmática, multicromosómica, organicamente débil e en situación preembrionaria. Nese momento, xa era eu; mais aínda non era eu, porque non sabía que era eu. Dentro da lóxica flaccidez da miña consciencia nin sequera balbucinte, non tiña a menor noción da miña existencia obxectiva como ente individual diferenciado no conxunto do universo.
E así seguiu sendo durante os nove meses que durou o proceso de xestación. Eu, ese eu arcaico que me precedeu, existía nun mundo escuro, silencioso, un mundo difuso e concentrado á vez, aforme, estático, multisensitivo e autosuficiente, que vivía só pendente de si mesmo. No ventre de Matilde, desenvolvín o meu físico en lenta e traballosa maduración átomo a átomo, célula a célula, órgano a órgano. Nese tempo, á vez que se me formaba o corpo, prevía hábitos, singularizaba aptitudes, forxaba mecanismos mínimos de comportamento con disciplente parsimonia. Foi unha época feliz, despreocupada, un tempo de visceral plenitude como non lembro que se repetise.
Que durou ata o momento en que, de maneira inexplicábel, me encontrei ofrecendo resistencia contra unha forza que me empurraba, que me quería expulsar fóra da miña casa primordial.”
Manuel Lourenzo González, O xardín das pedras flotantes